Visto para sentenza en Lugo o xuízo contra o home acusado de violar a súa ex-parella
En Lugo quedou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de violar e maltratar a súa ex-parella. A Fiscalía solicita finalmente para el unha pena de 22 anos e 9 meses de prisión. Mentres, a súa defensa mantivo a petición de libre absolución ao considerar que os feitos non están acreditados.
A Audiencia Provincial de Lugo acolleu a segunda xornada de xuízo contra un home acusado de violar dúas veces a súa ex-parella e de golpeala en reiteradas ocasións. Na primeira xornada, o acusado negou os feitos e atribuíu a denuncia da muller aos celos que sentía porque el iniciara outra relación.
Desta volta prestou declaración unha garda civil e varios psicólogos que atenderon a muller.
A acusación particular retirouse da causa despois de que o procesado lle pagara unha indemnización de 13.000 euros que reclamaba a vítima. Por estes feitos, nas súas conclusións definitivas, a Fiscalía incluíu a atenuante de reparación do dano. Mantivo a súa petición condenatoria ao considerar probados os feitos pero reduciron a pena de prisión solicitada inicialmente, que pasou de 24 anos e dez meses de prisión a 22 anos e 9 meses de cadea polos delitos de malos tratos, violación e invasión de domicilio.
Pola súa banda, a defensa do acusado pide a súa libre absolución, ao considerar que os feitos non están acreditados e pide que prevaleza a presunción de inocencia.