Visitas guiadas ao arquipélago de San Simón para coñecer a súa historia
Son moitos os que aproveitan o verán para achegarse ata o arquipélago de San Simón, pertencente ao concello de Redondela. Nestes meses ofrécense visitas guiadas polas illas para coñecer a súa historia, cargada de luces e sombras.
Boa parte da pasaxe non coñece o arquipélago de San Simón. O primeiro que os sorprende, ao tomar terra, é o seu tamaño, sobre todo da illa principal.
A visita comeza no paseo dos buxos. Axiña, grazas ao relato das guías, os espazos comezan a cobrar vida: a das persoas que a viviron e, sobre todo, a sufriron.
Foi mosteiro, lazareto e, a partir do 1936, campo de concentración para presos políticos contrarios ao franquismo. Este episodio é o que máis conmove o público adulto, que moitas veces busca en San Simón, parte da súa propia historia.
Entre o público infantil triunfa a relación destas illas coa lenda da Coca, cos piratas, co capitán Nemo ou mesmo coa batalla de Rande.
Pinceladas da historia dun arquipélago do que a xente marcha sempre coa sensación de que aínda ten moito por contar.