Vinte anos despois do 11-S, aínda hai 1.106 vítimas sen identificar
Entre as nove menos cuarto da mañá e as nove e tres minutos, hora norteamericana, seis máis tarde en España, dezanove terroristas dirixidos pola Al Qaeda de Bin Laden, esnafraban dous avións comerciais secuestrados contra un dos símbolos do capitalismo de Nova York, as torres xemelgas, que se derrubaron pouco despois. 2.753 persoas morreron no acto, 1.106 das cales aínda seguen sen identificar. Centos de persoas máis morreron a consecuencia de enfermidades relacionadas cos atentados.
Os terroristas estrelaron outros dous avións , un sobre o Pentágono, onde morreron 184 persoas, e outro en Pensilvania, onde os pasaxeiros forzaron a caída, outras corenta persoas morreron alí.
Vinte anos despois, tras a invasión de Iraq e a recente derrota norteamericana en Afganistán, poucos cren que tras o 11-S teñamos un mundo mellor.
Tiffany, residente na zona, tamén pensa que a ameaza persiste, que agora tamén hai un novo terrorismo informático, e que a seguridade nacional seguirá sendo un problema.
Este sábado, os actos conmemorativos desenvólvense nas zonas atacadas, especialmente na chamada "zona cero", en Nova York, onde hai un museo do 11 S, deseñado polo galego Jorge Martínez.
"O que máis me emocionou do proxecto foron as historias dos falecidos, di o deseñador galego, e das familias que seguen ata hoxe sen os seus seres queridos"
Mentres o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, chamaba á unidade e a deixar atrás o medo vinte anos despois do 11-S, miles de policías e especialistas en detección de bombas protexen de novos atentados os actos de lembranza do día que cambiou o mundo.