CRTVG

Buscar

"Viña Costeira" incrementa as exportacións e obtén o selo de Galicia Calidade

Publicado o 15/07/2020 20:48

Estes últimos meses nos que por mor da pandemia todo foron atrancos, tamén se deixaron notar nesta cooperativa do Ribeiro. A Viña Costeira pertencen preto de cincocentos socios que elaboran arredor do corenta por cento do viño desta denominación de orixe. Aquí as exportacións axudáronos a seguir adiante. Reino Unido, Alemaña e os Estados Unidos, son os seus principais mercados no exterior.

"Levamos moito intensificando as tarefas a nivel comercial, especialmente en exportación nos últimos dous anos e para este ano esperabamos un incremento mesmo maior do que estamos tendo, é arredor dun corenta por cento, que é moitísimo e que en realidade debería ter sido máis. A pandemia frenóunolo un pouquiño, pero grazas a que fundamentalmente ía dirixido a tendas especializadase cadeas de alimentación, pois non se nos caeu de todo". Asegura o Presidente da cooperativa "Viña Costeira".


A este notable incremento das exportación súmanlle ademais un novo valor a súa marca: o selo de "Galicia Calidade".

" O Ribeiro, igual que outros moitos produtos galegos, forma parte dun gran patrimonio que temos aquí en canto a cousas que facemos moi ben sobre todo no sector agroalimentario, e é algo que será bo para nós dende logo, a hora de saír máis aló do Padornelo, e para "Galicia Calidade" en xeral, porque iremos coa súa bandeira alá onde estemos."


Arredor dun cento de adegas e colleiteiros elaboran os seus viños baixo a denominación de orixe do Ribeiro. Só desta cooperativa saen cada ano catro millóns de botellas, o dez por cento véndese fóra de España.

Noticias web

15/07/2020