Vilalba, Sarria, Chantada e A Rúa, en especial vixilancia pola evolución do coronavirus
Na provincia de Lugo hai dúas vilas importantes sobre as que o comité clínico ten postos todos os focos, xa que a evolución da covid−19 non é boa. Son Sarria e Vilalba.
Vilalba incrementou a súa incidencia a 14 días, aínda que a sete baixou, por iso o comité clínico pon o seu foco na evolución dos contaxios neste concello.
Seguirá tamén moi de preto a situación en Sarria. Alí rexistráronse dez casos novos na última semana. Se ollamos a evolución a 14 días, pasaron de 19 a 36 o número de contaxiados.
Continuarán baixo especial vixilancia ademais os concellos de Chantada e A Rúa, aínda que a súa evolución é boa.
En ambos os casos descenderon considerablemente o número de contaxios. Na Rúa só houbo un nos últimos tres días e en Chantada seis no mesmo período.