Vigo rexistra un terzo dos casos novos de coronavirus
A cifra de positivos en Galicia volveu subir esta xornada ata os 9.554 despois de se detectaren nas últimas horas 662 casos novos, dos que 640 foron confirmados por PCR. O número destas probas feitas ata onte ás 6 da tarde volveu ser moi elevado, como xa o fora hai unhas semanas, por enriba das 9.000.
A área sanitaria de Vigo acumula case un terzo dos contaxios con 214 , unha cantidade similiar á do día anterior. Boa parte desta cifra provén do foco detectado nun centro residencial de Mos.
Lugo rexistrou tamén unha suba importante con 114 positivos. Na Coruña descenden os contaxios detectados mentres que Pontevedra mantense arredor dos 60 dos últimos días. En Santiago baixan aos 52, Ferrol con 50 rexistra o dato máis alto desta semana e Ourense ten agora a cifra máis baixa de todas as áreas, con 43 novos.
En canto á situación hospitalaria, as UCI galegas chegan aos 100 ingresos, a cifra máis alta desta segunda vaga, mentres que o número de pacientes hospitalizados en planta descende, con 26 ingresados menos.
A área que máis presión hospitalaria soporta segue sendo a da Coruña, aínda que Vigo con 26 persoas en coidados intensivos é nestas últimas horas a que máis pacientes graves ten.