Vigo, primeira cidade galega en retroceder na desescalada
• Entrará en nivel medio este venres tras o ascenso continuo de casos
• O Grove, A Pobra, Carballeda e Cualedro seguirán no nivel máximo
O continuo ascenso de casos de coronavirus nas últimas xornadas en Vigo levou o comité clínico a endurecer as restricións na cidade máis poboada de Galicia, que desde a medianoite do próximo venres pasará a estar no nivel medio. A principal diferenza respecto da situación actual será que a ocupación dos locais de hostalaría pasará a ser do 30 % no interior e do 50 % no exterior.
A principios desta semana o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña xa alertara da situación "preocupante" de Vigo e advertira de que se terían que tomar medidas ante unha incidencia que se estaba disparando. Neste nivel medio de restricións estarán desde o vindeiro venres 19 municipios máis: Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes de García Rodríguez e Ortigueira.
Na súa reunión deste martes, o comité clínico tamén decidiu propoñer as máximas restricións os concellos do Grove, A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras e Cualedro. O Grove e A Pobra do Caramiñal levan desde o venres 9 de abril con restricións máximas; a ese nivel, incorporouse o venres 16 Carballeda de Valdeorras e este luns Cualedro. Este nivel implica que non se pode saír nin entrar destes concellos salvo por causas xustificadas, a hostalaría está pechada salvo comida para levar ou para recoller e están prohibidas as reunións de non conviventes tanto en espazos públicos como privados.
O comité determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre. Neste nivel, a hostalaría só pode servir nas terrazas cunha ocupación do 50 por cento.
No resto de concellos galegos estarán vixentes as restricións do nivel medio baixo, conforme ás cales se pode ocupar ata o 50 % do interior de bares e restaurantes e ata o 75 % en terrazas.