CRTVG

Buscar

Vigo está pendente do posible aumento das restricións que podería decretar Sanidade

Publicado o 20/04/2021 14:13

En Vigo, todos os ollos están postos na decisión que tomará Sanidade tras reunir o comité clínico e que podería marcar novas medidas fronte á cuarta onda da covid. A cidade bordea o límite da incidencia acumulada de 150 novos casos por cada 100.000 habitantes. Malia que o último informe da Consellería de Sanidade reflicte que o número de casos activos na área sanitaria baixou en dúas persoas, non hai que baixar a garda.

Segundo Maite Maza, membro da Sociedade Española de Medicina de Urxencias: "Non é como a última vaga que tivemos no Nadal. Cambiou o perfil, e non estamos a ver un aumento marcadísimo de casos no hospital, pero si de contaxios. Notouse moito a baixada de contaxios nas residencias e entre a xente maior, porque a vacina ten un impacto moi positivo nesta xente, pero si se está infectando xente nova".

Á espera da decisión dos expertos, os hostaleiros prepáranse para as novas limitacións. Como María del Carmen Diéguez, hostaleira que o toma con resignación: "Estabamos ntentando levantar un pouquiño, e agora, que nos manden para atrás, a hostalería vaino notar agora que está intentanado sair. Non é normal que nos baixen tanto agora, pero bueno, se isto é que sube, pois hai que aportar todos un grao de area". "Que sigan, con coidado, con restricións, e con todos os coidados posibles, pero que continúen abertos".

Salientan os expertos que a variante inglesa fai que o perfil do contaxiado sexa agora de grupos de conviventes en que se infectan todos os que tiveron contacto, ben sexan amigos ou familiares. A idade media da xente que ingresa nos hospitais baixou moito e rolda os sesenta anos. Segundo os últimos datos da área sanitaria de Vigo, hai 734 enfermos da covid, dos que 31 están ingresados e outros 6 permanecen na UCI.

Noticias web

20/04/2021