Vigo dá comezo ao Nadal co acendido da iluminación na cidade
A cidade de Vigo acolleu este mércores o acto de acendido da súa iluminación, que o alcalde, Abel Caballero, definiu como "o espertar do Nadal" no mundo e cuxo acceso se restrinxiu a pouco máis de 70 persoas debido á pandemia.
Pasadas as 20:00 horas, deu comezo un evento en que se reproduciu un espectáculo luminoso ao ritmo de temas como a peza "Promontory" da banda sonora de O derradeiro Mohicano, e "All I Want for Christmas Is You", de Mariah Carey, sobre a árbore instalada na rúa Policarpo Sanz.
Aínda que o acceso peonil e de vehículos a esta rúa e ás contiguas fora cortado, decenas de viandantes aproximáronse á zona de Porta do Sol para tomar as primeiras imaxes da iluminación da árbore cos seus teléfonos móbiles. Durante o acto, o rexedor olívico sinalou que, co acendido da iluminación, "arrinca o Nadal neste planeta" porque "vive en Vigo".
Por iso, Abel Caballero afirmou que ao iluminárense as 350 rúas da urbe o Nadal estaría "a respirar" e realizaríase unha "chamada" a Papá Noel. A pesar de que apuntou que esta tempada "vai ser distinta" debido á crise sanitaria, insistiu en que "ten que haber Nadal" dado que este representa "a forma de entenderse".
Ademais, defendeu que o deste ano debe ser "o da ilusión dos nenos" que padeceron "se cabe máis" que os adultos a pandemia. Nesta liña, o alcalde de Vigo recalcou que este debe ser "o Nadal da ilusión" e lembrou que pediu á cidadanía que non acudise de xeito presencial ao acto de acendido da iluminación, que o ano anterior congregou miles de persoas, debido á covid−19.
Ademais, fixo unha chiscadela ao seu tradicional anuncio de que a iluminación do Nadal contará con "máis de 10 millóns de luces", aínda que apuntou que este ano se repite esta mensaxe "desde o acougo e a tranquilidade".
Tamén incidiu na necesidade de manter a seguridade "mil por cen", que exemplificou na limitación do acceso ao evento e no feito de que a iluminación da cidade "irá ás casas de todos os cidadáns" que non poden desprazarse á cidade mediante a súa retransmisión por streaming.
Adicionalmente, trasladou "unha aperta moi forte" ao comercio de proximidade e a hostalaría e outros sectores e traballadores afectados polas consecuencias da crise sanitaria. Nun primeiro momento, o acto fora previsto para este xoves, pero, ante a perspectiva de que puidese chover ese día, adiantouse a este mércores, cando tivo lugar ante a árbore situada na rúa Policarpo Sanz.
Deste xeito, pechouse esta rúa, onde se reuniron máis de 75 persoas, representantes de asociacións culturais, veciñais e sociais e do goberno local, ademais de medios de comunicación. Paralelamente, o evento retransmitiuse en streaming e a través dalgunhas canles de televisión.
A instalación da iluminación do Nadal deu comezo o pasado mes de agosto, catro meses antes desta temporada festiva e un mes antes que o Nadal do ano pasado, debido a que as circunstancias marcadas pola pandemia levaron a que as tarefas se realizasen de modo máis lento, como anunciou o pasado verán o alcalde.