Vigo comeza o cribado para detectar casos da covid no persoal dos centros de saúde

O persoal dos centros de saúde da área Sanitaria de Vigo será obxecto, a partir do luns, dun cribado para a detección da covid-19 a través do sistema para o procesamento agrupado de mostras PCR coñecido como 'Pooling'.
Os primeiros traballadores de todas as categorías profesionais que se farán a proba serán os 105 do centro de saúde e o PAC do Val Miñor e, posteriormente, seguiranlles gradualmente o resto de profesionais da área Sanitaria de Vigo.
Segundo informa o Sergas trátase de controlar e vixiar a circulación do virus en áreas estratéxicas buscando asintomáticos en lugar de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, de modo que se poida controlar coa máxima présa a aparición de brotes.
Este sistema xa se puxo en marcha o pasado maio con profesionais dalgunhas das áreas máis críticas do Hospital Álvaro Cunqueiro e actualmente está implantado en Coidados Intensivos, Urxencias, Hematoloxía e Unidades de Hospitalización Covid, cuxo persoal, do mesmo xeito que os usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, son testados periódica e secuencialmente.
O 'Pooling' é unha técnica implantada en maio pola área sanitaria de Vigo por primeira vez en España que permite analizar nun só test as mostras agrupadas de varias persoas, multiplicando a súa capacidade de avaliación.
Se o resultado do procesamento dá negativo inférese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforra tempo e capacidade.