CRTVG

Buscar

Vigo aliviará restricións despois de tres semanas

Publicado o 13/05/2021 15:27

Despois de tres semanas, Vigo logra un alivio nas restricións. A partir de mañá ampliaranse as ocupacións da hostalería, que xa se prepara para os cambios.

Hoxe vai un día gris e chuvioso en Vigo, pero os hostaleiros comezan a ver as primeiras raiolas de sol despois dun ano para esquecer

Desde mañá poderán atender a metade das mesas no interior dos locais e o 75% das terrazas. Malia que o tempo non vai acompañar, os hostaleiros celebran a ampliación de ocupacións.

Vigo era a única gran cidade galega que non estaba coas restricións máis baixas. Despois de 3 semanas, logra un alivio que a cidadanía colle con optimismo, pero tamén con cautela.

Quedan 378 casos activos na cidade, 186 detectáronse na última semana, e continúan os cribados na busca de asintomáticos. A pandemia non rematou, aínda que as cousas melloren.

Con este ánimo na rúa, e o que chega mesmo desde o escaparate dalgún comercio, a cidade olívica ponlle ao mal tempo boa cara, porque semella que desta volta o peor xa pasou.
 

Noticias web

13/05/2021