CRTVG

Buscar

Vigo, a terceira cidade máis limpa de España e A Coruña e Lugo entre as máis sucias

Publicado o 25/04/2019 22:50
Vigo, a terceira cidade máis limpa de España e A Coruña e Lugo entre as máis sucias

Vigo é a cidade que obtén a mellor valoración da limpeza por parte dos seus cidadáns, con 76 puntos. Mentres, A Coruña, con 42, e Lugo, con 40, sitúanse entre as máis sucias, segundo un estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios, OCU, sobre os servizos municipais de 60 concellos. Do informe despréndese que a limpeza viaria nas principais cidades españolas empeorou xa que a valoración media que dan os usuarios descendeu de 55 a 53 puntos.

Oviedo, a cidade máis limpa de España e Xaén, a máis sucia

Oviedo é unha vez máis a cidade que obtén a mellor valoración da limpeza por parte dos seus cidadáns con 79 puntos. Séguena Bilbao (77), Vigo (76) e Logroño (74). Pola contra, as cidades de Cuenca (36) Alcalá de Henares (36) Alacante (34) e Xaén (31) son as que peores resultados obteñen. 

A OCU realiza cada 4 anos un estudo sobre a limpeza nas cidades e para a súa realización ten en conta, por unha banda, os datos proporcionados polos diferentes concellos (16 deles non facilitaron ningunha información) e doutra unha enquisa á que responderon 5.260 veciños na que dan a súa valoración sobre diferentes aspectos relacionados coa limpeza da súa cidade.

No estudo tivéronse en conta diversos parámetros como son o tipo de xestión, o orzamento por habitante, os recursos empregados a partir da información facilitada polos responsables municipais e contrástase coa satisfacción que os veciños teñen coa xestión da limpeza na súa cidade e con aspectos concretos, como a situación da limpeza en rúas e beirarrúas, o estado de parques e xardíns, os excrementos animais, a contorna dos contedores, a contaminación, e a limpeza nos barrios da periferia.

Noticias web

25/04/2019