CRTVG

Buscar

Sanidade intensifica as probas en Betanzos polo brote, que suma nove positivos

Publicado o 16/07/2020 21:42

Esta tarde comezou a funcionar unha carpa instalada no centro de saúde para realizar as probas desde o coche. Instalouse por causa dos problemas de mobilidade dalgúns veciños aos que hai que facerlles a proba por seren contacto de contaxiados.

Son xa nove, tres máis ca onte. Hai dous focos; o principal, do que se derivan tamén estes tres novos contaxios, está en dúas persoas que tiveron contacto con outras que viaxaron a LLeida. 

O brote de coronavirus en Betanzos suma tres positivos máis. Pertencen ao mesmo grupo familiar das catro persoas que xa eran positivas e que tiveron contacto con outras de Lleida.

Pero hai un segundo foco, con dous contaxiados máis, conviventes noutra casa, cuxa orixe aínda se descoñece. A alcaldesa desmente que a infección partise dunha pachanga de fútbol indoor ou de interior.

A preocupación na vila vai en aumento e os veciños apoian as medidas restritivas, como a suspensión da feira que este xoves non se celebrou.

Sanidade continuou todo este xoves rastrexando os contactos de ambos os focos mentres os sanitarios multiplican o número de tests para intentar frear a trasmisión.

Tamén se iniciou o rastrexo dos contactos mais próximos a un médico de familia do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, despois de confirmarse que deu positivo en COVID-19. Permanece illado no seu domicilio.



 

 

Noticias web

16/07/2020