CRTVG

Buscar

Viaxe en autobús para os galegos se dan negativo no porto de Valencia, e en ambulancia se a proba é positiva

Publicado o 01/07/2021 16:08

O presidente da Xunta confirmou que en Galicia xa hai 157 positivos vencellados ao gromo de Baleares. Respecto dos 21 mozos que están en camiño, Feijóo confirmou que cumprirán con todos os protocolos sanitarios á súa chegada.

Feijóo confirmou que serán trasladados a Galicia en autobús se dan negativo nas probas da covid-19 e nunha ambulancia se o resultado é positivo. 

O titular do Executivo galego precisou que se habilitará unha ambulancia con cinco prazas para traer, de forma separada, a aqueles que, logo de someterse a unha proba diagnóstica, resulten positivos. Na ambulancia virán acompañados por persoal sanitario.  

Núñez Feijóo avanzou, ademais, o protocolo que se seguirá cos estudantes unha vez cheguen a Galicia. Tras o test rápido realizado en orixe, aos estudantes faráselles unha PCR, xa na súa chegada. Se o resultado é positivo, "non hai dúbida de que teñen que gardar corentena". Se o mozo dá negativo, "probablemente" se lle repita o test ás 48 ou 72 horas e, en caso de ser positivo, "quedaría confinado".  

En caso de repetirse o negativo nesta segunda proba "e non ser contacto estreito", o mozo "sería dado de alta". Se se tratase dun contacto estreito, a pesar do negativo na segunda PCR, o estudante debería gardar unha corentena. 

O presidente galego subliñou que "maioritariamente, os pais dos mozos están dacordo co protocolo establecido pola Xunta". En canto á relación de contactos, Feijóo remarcou que "é o Goberno balear o que os facilita", e pediu "responsabilidade" aos mozos que regresan hoxe á hora de dar a información sobre os seus contactos.

Noticias web

01/07/2021