CRTVG

Buscar

Verín suspende o controvertido proceso selectivo en que só superou a primeira proba a filla do alcalde

Publicado o 09/06/2021 18:11

O Concello de Verín acordou suspender provisionalmente o proceso selectivo iniciado para a contratación dun traballador/a social do servizo municipal de dependencia, ata que a Comisión de Control resolva a existencia de posibles anomalías no resultado do primeiro exame. Así o ditaminou tras celebrarse a primeira reunión da comisión de control encargada de revisar o proceso selectivo, que contou coa participación das organizacións sindicais (CIG, Comisións e CSIF).

Con todo, segundo deu a coñecer o consistorio, o presidente do tribunal deixou constancia de que non aprecia “ningunha irregularidade”, nun escrito que foi entregado á comisión de control. En concreto, este funcionario deixa constancia de que o exame, elaborado “por persoal experto e con ampla experiencia", desenvolveuse con normalidade “sen advertir ningunha incidencia ou anomalía".

Nun comunicado remitido aos medios, a concellería de Persoal, Réxime Interior e Servizos Xerais do consistorio confirmou “a suspensión provisional e con carácter temporal” do proceso selectivo. Ademais, convocou a comisión de control para unha segunda sesión para o vindeiro venres 11 de xuño, ás 9.00 horas en que están citados os membros do Tribunal cualificador así como a persoa coordinadora do servizo de dependencia municipal, na súa condición de asesor técnico ao tribunal cualificador.

A polémica saltou despois de coñecerse que unicamente a filla do rexedor socialista, Gerardo Seoane, superara o primeiro exame, tras responder de forma correcta 38 das corenta preguntas tipo test. Para pasar á seguinte fase do proceso, os aspirantes tiñan que responder polo menos vinte preguntas correctas que puntuaban 0,5 cada unha. As respostas erróneas restaban 0,5 puntos.

O Goberno local resolveu a polémica e defendeu a súa legalidade. A CIG cuestiona que o exame fose elaborado por unha persoa allea ao tribunal, en concreto, a coordinadora responsable do servizo municipal. En declaracións realizadas aos medios, Anxo García, da CIG, pediu que se investiguen estes feitos e avanzou que espera que esta revisión conclúa "na anulación do proceso selectivo” así como nunha nova convocatoria tras as supostas irregularidades detectadas no proceso de elaboración do exame.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, defendeu a legalidade do procedemento, para a cobertura dunha praza temporal, “cun temario público e convocado polos técnicos municipais en tempo e forma" e que foi divulgado Así mesmo, subliñou que a súa filla ten o mesmo dereito que o resto de aspirantes a presentarse a unha proba “en condicións de igualdade”. 

Noticias web

09/06/2021