CRTVG

Buscar

Verín pechará bares e terrazas durante dez días ante a evolución da pandemia

Publicado o 12/10/2020 16:17
Verín pechará bares e terrazas durante dez días ante a evolución da pandemia

Os bares e as terrazas de Verín pecharán durante dez días, pero os restaurantes poderán continuar abertos. Así o acordaron o Concello e representantes dos hostaleiros, en vista da negativa incidencia da pandemia do coronavirus.

Mediante un comunicado, o goberno local explica que este luns o número de casos activos no municipio é de 74, o cal implica unha incidencia próxima aos 540 casos por cada 100.000 habitantes.

A medida de pechar bares e terrazas durante dez días, que partiu do Concello, foi sometida a debate polos representantes da hostalaría, que a aprobaron "cun amplo consenso", segundo recolle o mesmo comunicado.  

O peche producirase desde este martes ás 20:00 horas, e a intención é levantalo o vindeiro xoves, 22 de outubro. No entanto, os restaurantes continuarán abertos, posto que tan só terán que pechar as súas terrazas e os seus bares, en caso de térenos.

Ademais, co obxectivo de minimizar os riscos de contaxio, realizarase un cribado por PCR a todos os traballadores dos establecementos de hostalaría verineses.

O Consistorio xa adiantou que lanzará unha liña de axudas específicas para estes locais co obxectivo de paliar as perdas ocasionadas polo peche temporal.