CRTVG

Buscar

Ver e oír o tráfico e ser vistos por condutores, premisas para a seguridade dos peregrinos

Publicado o 20/07/2021 14:14

Un cruzamento do Camiño de Santiago coa estrada nacional a menos de vinte quilómetros de Santiago é dos de maior risco. Esta mañá despregáronse nel membros de Stop Accidentes canda efectivos da Garda Civil de Tráfico nunha campaña de prevención para peregrinos e extensible a todos os peóns.

"Uns consellos en varios idiomas, e estamos a ver que este ano hai uns poucos peregrinos máis que o pasado no Camiño de Santiago, e sobre todo: darlles os consellos elementais para os peóns. É importante facerse ver. Eles saen moi cedo e moitas veces non teñen ningunha roupa reflectora, elemento no que a Garda Civil nos está a axudar a distribuíla", conta Jeanne Picard, delegada de Stop Accidentes en Galicia.

Ver e oír o tráfico e que os condutores te vexan son as premisas básicas para a circulación segura canda atravesas ou cando andas pola beiravía.

"Camiñar polo lado esquerdo, cos vehículos sempre de fronte. Procurar non ir illado da circulación con auriculares que nos impiden escoitar se veñen vehículos. E á hora do cruzamento, ter en conta que non veñen vehículos e facelo sempre por zonas habilitadas en que estea permitido. non en curvas perigosas ou onde non hai visibilidade. Logo, como advertencia aos condutores, cando vaian pola estrada e encontren a sinalización dos pasos de peregrinos, que saiban que hai aí un punto de risco e que podemos estar a facer algún tipo de control de velocidade", explica Héctor Teixeira, da Garda Civil de Tráfico.

O Camiño Francés, o máis concorrido, ten numerosos cruzamentos perigosos con estrada na provincia da Coruña. Neste, con historial de atropelos mortais, instalaron no seu día un dispositivo de luz para alertar os condutores. Leva moito tempo avariado.

 

Noticias web

20/07/2021