Veciños e usuarios da praia de Sinás, en Poio, están preocupados pola presenza de ratas nas inmediacións
Publicado o 26/07/2019 14:24
Veciños de Raxó, parroquia pertencente ao concello de Poio, denuncian a presenza de ratas na contorna da praia de Sinás. Din que este problema se repite ano tras anos, sobre todo cando está a marea baixa. Cren que os roedores poden ter os seus niños baixo as pasarelas e entre as rochas.
Os usuarios da praia temen que a presenza de ratas poida provocar un problema de saúde pública que acabe afectando o turismo na zona. Pídenlle ao Concello que adopte as medidas necesarias para que isto non pase.
Dende o Concello de Poio aseguran que non teñen constancia de denuncias por presenza de ratas neste areal, pero, así e todo, din que actuarán de oficio para solucionar este problema. Hoxe mesmo enviarán un equipo de desratización á zona.