CRTVG

Buscar

Veciños e autocaravanistas, en conflito polo estacionamento en espazos naturais

Publicado o 31/08/2021 22:20

A pandemia impulsou a auxe do turismo itinerante, que xa ía en aumento nos últimos anos. En non poucas ocasións, os autocaravanistas e furgoneteiros entran en conflito con veciños e demais usuarios, especialmente, nas praias. Sobre todo nos espazos naturais e nos enclaves de difícil acceso.

Regular o estacionamento e a pernoita destes vehículos xa é unha necesidade para conciliar a actividade turística, o tráfico, a ordenación dos lugares públicos e dos protexidos e a seguridade de todos os usuarios. A rotación dos estacionamentos, limitada a 48 horas, e a evacuación das augas negras son os puntos quentes na convivencia de autocaravanistas e furgoneteiros cos demais usuarios e cos veciños.

Os concellos máis turísticos, como o de Bueu, prepáranse xa para crear áreas de servizos para furgonetas e autocaravanas ante o aumento desta modalidade.

O proxecto que está máis avanzado na tramitación é a creación dun parque de campismo e de estacionamento en Beluso, en colaboración coa Comunidade de Montes. A idea podería replicarse tamén no centro urbano.

Para impulsar estas regulacións, a Federación Galega de Municipios e Provincias elaborou un modelo de ordenanza municipal para que sirva de referencia aos concellos.

Noticias web

31/08/2021