Veciños dunha rúa de Lugo levan sen auga desde o sábado polo rebentón dunha tubaxe
Unha avaría na rede de subministración deixou sen auga varios veciños da rúa Rei don García de Lugo. Foi diante do número 43 onde se rexistrou o problema, detectado o sábado ao serán. Hoxe os operarios traballaban no lugar.
Os residentes afectados quéixanse de que cando avisaron as autoridades procederon a cortarlles a subministración e que non foi ata hoxe cando comezaron a traballar na reparación da avaría.
Mentres tanto, os veciños teñen que recorrer á auga embotellada porque da billa non mana pinga ningunha. Teñen problemas para asearse e para cociñar.
Desde o Concello de Lugo informan de que a avaría consistiu no rebentón da tubaxe, que é de fibrocemento, e que houbo que agardar ata hoxe para poder reparalo con tódalas garantías de seguridade. Confían en rematar os traballos en breve.