CRTVG

Buscar

Veciños dunha aldea de Carballo denuncian os problemas que lles causa a insuficiente potencia eléctrica

Publicado o 07/12/2020 13:56

Eugenio, un veciño da Ponte Rosende, en Carballo, explica que levan case 3 anos reclamandolle á Fenosa a mellora da subministración eléctrica na zona: "Desde que se queimou un transformador por mor dunha treboada, a potencia minguou".

Así resume a situación que veñen padecendo nesta aldea da Ponte Rosende, en Carballo, desde hai case 3 anos pola insuficiente potencia eléctrica que reciben. Utilizar calquera electrodoméstico convértese nunha odisea, cando non se estragan por culpa desas deficiencias.

Os veciños da Ponte Rosende denuncian que non poden usar electrodomésticos con normalidade, como unha lavadora ou un conxelador. Moitos aparellos estragáronse polo deficiente servizo.

A peor parte lévana persoas enfermas como Manuela, que ás veces precisa dunha máquina de osíxeno e non pode tela na casa porque a potencia non é suficiente. Na vida diaria tamén sofre as consecuencias da deficiente subministración eléctrica.

Manuela relata que, a pesar das súas doenzas, ten que lavar a roupa a man porque a potencia eléctrica é insuficiente para usar a lavadora.

Contan os veciños que Fenosa os obrigou a cambiar os contratos e os contadores, polos que pagaron 350 euros, pero que o servizo non mellorou.

Tito, un dos afectados, di que o único que piden é que lles poñen un tendido que permita recibir o servizo polo que pagan e que non os mareen con burocracia.

Os afectados enviaron ducias de escritos e reclamacións ao Concello e a Fenosa, pero aseguran que as súas demandas caeron en saco roto.

Noticias web

07/12/2020