CRTVG

Buscar

Veciños dos Castros, na Coruña, denuncian malos cheiros e ruídos insoportables pola abundancia de pombas

Publicado o 19/06/2019 14:03

Veciños do barrio coruñés dos Castros denuncian o amontoamento de pombas en, polo menos, dous edificios abandonados. Din que levan xa unha morea de tempo aturando os malos cheiros, a sucidade e os ruídos das aves, polo que esixen unha solución.

O pombal. Así é como bautizaron os veciños dos Castros este inmoble que quedou a medio construír hai xa anos:  "Aí hai moitísimas pombas...".

Estoutro edificio situado a escasos metros din que tamén está invadido polas pombas, malia que está tapiado.

"Métense por onde poden. Está cheo...", repite o vecindario.

Explican que convivir con estes animais non é doado e denuncian que levan xa unha morea de tempo aturando os malos cheiros e a sucidade: "Poñen todo perdido: as fachadas das casas, os balcóns. os coches...". "Eu tiven que poñer un plástico para que non me mancharan a roupa...".

Protestan tamén polo ruído que fan: "Arman unha lea tremenda...".

Din que están fartos de todo isto e reclaman unha solución urxente a este problema que, segundo contan, vai a máis.

Noticias web

19/06/2019