Veciños do barrio de Feixó, en Lugo, piden a retirada dun niño de velutinas
As velutinas teñen preocupados os veciños desta rúa do barrio de Feixó, en Lugo, máis aínda tras a morte dun home en Pantón debido ás picadas. Din que se ven obrigados a manter as ventás pechadas para evitar que as avespas entre nas súas vivendas. Ademais, levan semanas pedíndolles á Xunta e ao Concello que lles retiren o niño da fachada do edificio, sen que polo de agora se presentase ninguén para facelo.
"É un tema, desde logo, forte. Estamos preocupados todos polo suceso en que unha persoa morreu por un ataque e por casos anteriores, e nas últimas tres semanas os veciños chamaron ao 112 e ao Concello, onde lles deron boas palabras pero non unha solución para nada", di Valentín Arias, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa.
A única opción á que non recorreron os afectados é a de chamar os bombeiros, xa que terían que aboar o custo da intervención. Piden, por tanto, que as administracións se preocupen de dispoñer dos medios necesarios para retirar os niños de velutinas de xeito urxente e gratuíto.
"É un tema grave dabondo para tomalo en serio. Urxen medidas tanto por parte da Xunta como do Concello, bombeiros incluídos. Xa sabemos que hai aí un custo, pero esta é unha cuestión social. Este servizo dedemos cubrilo entre todos porque nos pode pasar a calquera. Non é algo puntual, coma unha avaría, senón que nos afecta a todos nós".
Nos edificios afectados polo niño de avespas velutinas residen tanto nenos como persoas de idade avanzada.