CRTVG

Buscar

Veciños de Riós e A Gudiña protestan pola falta de cobertura telefónica

Publicado o 24/03/2021 14:15

Protestas en dúas parroquias ourensás. Os seus veciños aseguran que a cobertura telefónica de que dispoñen non é propia dun país europeo no ano 2021.

A telefonía aquí é, literalmente, móbil. Para conseguir cobertura haise que botar a andar.

"Nin sequera hoxe o traio porque non se pode chamar por teléfono. Non hai cobertura, non hai Internet, non hai nada", comenta un veciño.

O problema é esta antena. Encaixada entre os carballos, a media altura do monte, non dá a cobertura necesaria.

"Onte estaba o técnico aí e dixo que os aparatos é coma se se compra algo nos chineses. El mesmo tivo que desprazarse ao cruzamento de Portugal para chamar por teléfono", di un veciño.

As medicións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia confirman que é unha zona escura, con sinal case nulo, pero Telefónica non coincide.

Carlos del Río, presidente da asociación de veciños: "A ver se poñen un poste máis alto, máis forte, onde sexa, como se é no medio da praza, con tal de que teñamos cobertura".

A situación é, para os veciños, desesperante, especialmente nunha época de emerxencia sanitaria e de restricións que limitan as reunións familiares. Contan co apoio dos seus respectivos concellos, que tamén participaron na concentración.

Noticias web

24/03/2021