Veciños de Lugo quéixanse de que non lles asfaltan a pista de acceso ás casas
Veciños dun barrio de Lugo quéixanse de que deixan os accesos ás súas casas sen asfaltar. Son só 150 metros, pero non os incluíron no proxecto de remodelación do firme da estrada da parroquia.
Os veciños afectados acusan o Concello de discriminalos, a pesar de que no seu día cederon os terreos para construír a pista.
Os 150 metros dunha pista ten en pé de guerra os veciños da parroquia luguesa de Piúgos. Este treito quedou fóra do proxecto de reasfaltado da estrada da aldea, e os veciños néganse a seguir transitando por unha vía chea de fochancas.
"Coméntanos a xente da obra que o proxecto remata aí abaixo, que non hai máis cartos e que é o orzamento que teñen. Cos anos a pista deteriorouse; si que veñen arranxala, pero non é suficiente", di unha das afectadas.
A pista dá servizo a media ducia de veciños. A través dela uns acceden ás súas casas e outros ás leiras. Están indignados porque a maioría no seu día cedeu o terreo de balde para poder ampliar a pista.
"Sempre demos todo, movemos un muro para atrás, regalámoslles o terreo e non estou disposta a que todo o mundo se sirva menos nós por 150 metros".
"Pagamos os impostos coma os paga calquera persoa e agora déixannos tirados. Nós, por exemplo, regalamos cento e pico metros", manifestan os veciños.
O Concello dilles que se incluirá o asfaltado no seguinte proxecto, pero din que non estan dispostos a esperar.
"Eu non quero un futuro proxecto, estamos falando de dúas cubas de formigón quente valoradas en 2.000 euros, que amplíen o proxecto e rematen a obra", di outra veciña.
Piden que se faga unha ampliación do proxecto de reasfaltado e que se realicen os traballos en toda a pista.