Veciños de Lugo quéixanse dos coches mal aparcados ás portas dun centro comercial
Todos os coches que están estacionados á beira deste centro comercial de Lugo están en situación irregular. Tanto na marxe dereita como na esquerda está prohibido aparcar. Aínda así, os donos dos vehículos recorren a eses espazos para deixalos mentres fan as súas compras. A situación leva a que nas horas punta, e en días como hoxe de moita chuvia, se formen atascos, sobre todo cando pasa o bus urbano ou cando chega un vehículo de carga. Os veciños din que a práctica é tan habitual que nin sequera pon multas a Policía Local nin se toman medidas para erradicala.
"Móntase moita lea polos coches en dobre fila. Sempre está así porque non hai moito onde aparcar, e iso que o centro ten un aparcadoiro". "Eu non necesito coller o coche, pero é normal que moita xente o traia para non andar cargando coas bolsas". "Algunha vez xa tivo problemas o bus urbano".
O curioso é que o centro comercial dispón dun aparcadoiro cuberto e gratuíto, pero case a totalidade dos condutores optan pola opción máis cómoda, que é deixar o coche nas zonas onde está prohibido estacionar.
Os veciños din que se produciron pequenos accidentes entre vehículos nos momentos en que o tráfico é máis intenso e que nalgunha ocasión o bus urbano tivo que demorarse por causa dos vehículos mal estacionados.