CRTVG

Buscar

Veciños de Lugo denuncian bares conflitivos que non cumpren as normas

Publicado o 15/01/2021 15:46

Onte falabámoslles do cansazo de boa parte da poboación tras tantos meses de restricións. Se lle sumamos a irresponsabilidade dalgúns, temos un cóctel explosivo: incumprimentos reiterados, problemas de convivencia cos veciños e mesmo liortas violentas, como sucedeu esta semana en Lugo. As queixas medran neste tempo de pandemia.

Os veciños das zonas afectadas din que ademais de incumprirse as normas de seguridade tampouco se respectan as limitacións horarias ou de ocupación. Por iso, prodúcense aglomeracións ás portas dalgúns locais conflitivos, que rematan en liortas como a rexistrada esta semana.

Desde a policía din que se trata de feitos puntuais, e lembran que algúns locais conflitivos xa foron clausurados despois de acumular varias denuncias. Ademais piden a colaboración cidadá para poder actuar no momento en que se detectan as infraccións.

É a última intervención policial nunha zona de bares que acumula varios incidentes nos últimos meses. Desta volta unha liorta con navallas e botellas rotas que rematou cun ferido no hospital. Algúns veciños din que os incumprimentos dos locais son reiterados en canto a ruídos, horarios e medidas de seguridade, e non entenden como poden seguir abertos. A Policía Nacional fala de queixas, non tanto de denuncias, e di que son feitos puntuais. Por iso, subliñan que a colaboración cidadá é fundamental para poder actuar con garantías.

Noutros casos si que foron pechados xa por orde xudicial outros bares conflitivos. Pero, malia que tamén houbera protestas veciñais, a clausura debeuse, sobre todo, a incumprimentos relacionados coa súa licenza de actividade. En moitas ocasións os negocios logran esquivar o peche con cambios de titularidade e outras argucias legais.

 

Noticias web

15/01/2021