CRTVG

Buscar

Veciños de Lugo chaman ao civismo da cidadanía para que non tiren os trastos vellos á rúa

Publicado o 23/04/2020 15:10

Esta estampa comezou a ser habitual nas últimas semanas en Lugo. Mobles e electrodomésticos aparecen tirados na rúa, sobre todo á última hora da xornada. Debido a que o punto limpo está pechado e o servizo de recollida, suspendido, os trastes vellos son depositados xunto aos colectores.

Xosé Manuel Carballo, Asociación de Veciños Porta de Lugo: "Ante o problema que existe neste momento, en Lugo e noutras cidades, coa recollida de mobles e doutros residuos domésticos, gustaríame facer un chamamento á poboación para que, neste momento en que non se pode utilizar o punto limpo nin se poden deixar na rúa eses elementos porque non hai un sistema de recollida debido á pandemia, a xente se mentalice e manteña eses elementos na casa por un tempo para non ir formando puntos incontrolados de residuos."
Ademais dos colectivos veciñais, o comité de empresa da concesionaria, Urbaser, tamén fai un chamamento ao civismo por parte da cidadanía. Por outra banda, lembran que as firmas que venden os electrodomésticos novos están obrigadas a recoller os vellos.

Xosé Manuel Carballo, Asociación de Veciños Porta de Lugo: "Tamén temos que dicirlle á poboación que se ten que renovar unha neveira, unha lavadora, ou calquera elemento que teña que renovar na casa, a empresa que lle vende o equipamento ten a obriga de retirar o elemento vello. Por tanto, non ten que buscar un punto limpo nin ten que buscar nada. Esa empresa é a que ten que facer a recollida e entregala no punto adecuado, pois non pode tirala en calquera sitio."

Actualmente, o cadro de persoal do servizo de recollida do lixo en Lugo está reforzado para traballar na desinfección das rúas da cidade.
 

Noticias web

23/04/2020