Veciños de Gondomar, sen electricidade no Nadal
Xa non aguantan máis e por iso estes veciños e veciñas da zona alta de Peitieiros, en Gondomar, formalizan coas súas sinaturas os problemas que levan aguantando dende hai anos. Cortes continuos na subministración de electricidade.
A gota que fixo rebordar o seu enfado foi pasar a Noiteboa e mais o Nadal ás escuras.
Algo que non lembra Marina en medio século como veciña desta parroquia. A liña ten moitos problemas e tras un Nadal na escuridade a empresa decidiu colocar un xerador que onte mesmo volvía deixalos sen corrente.
Á marxe das perdas económicas, hai veciños maiores que precisan da subministración, neste caso, para poder respirar.
A carón deste transformador problemático, que cambiaban esta mañá, atópase unha granxa de avicultura ecolóxica que perdeu parte da súa produción.
As afectadas son unhas 240 vivendas. Esta mesma semana presentarán as súas sinaturas nas distintas Administracións. Agardan que o ano novo comece para eles con algo máis de luz e recuperando a normalidade.