CRTVG

Buscar

Veciños de Donramiro piden un aparcadoiro alternativo para camións

Publicado o 10/07/2019 14:25


Estamos en Donramiro, nunha das saídas do centro de Lalín. Os residentes neste treito da rúa quéixanse dun costume de moitos transportistas: deixar aquí aparcados os seus camións, principalmente polas noites e as fins de semana: "Temos as saídas dos garaxes e non vemos con eses camións tan grandes que se meten a aparcar. Os turismos non estorban, pero cuns camións tan altos non vemos e calquera día saímos e vai haber unha desgraza." "Quítanme visibilidade. Cando saio de aquí, se hai un camión aparcado, non vexo os que veñen. E un día por pouco non me levan por diante porque non se ve ben." Recoñecen que non fixeron ningunha petición oficial. Pero cren que sería bo que se habilitase un aparcadoiro máis axeitado para os transportistas: "A única solución sería poñer un sinal de prohibición como a que hai a 50 metros de aquí" Os veciños aseguran que teñen que invadir o carril de circulación para asegurarse de que non vén outro coche porque os camións estorban. E din que o problema é que tampouco se respectan os límites de velocidade: "Aquí nunca puxo Tráfico un radar. A ver se cadrara que estivesen aquí e viñera algún deses que vai tolo. Pero como saben que nunca houbo un radar, veñen todos confiados." Consideran que a falta dun paso de peóns é outro perigo máis desta rúa.
 

Noticias web

10/07/2019