Veciños de Chapela denuncian os malos cheiros dunha fábrica de fariñas
Publicado o 30/09/2020 14:40
Veciños de Chapela, en Redondela, presentaron un milleiro de sinaturas no concello para pedir o traslado dunha fábrica de fariñas de peixe que, segundo din, xera emisións contaminantes.
Os residentes nesta parroquia redondelá aseguran que levan moitos anos aguantando uns cheiros insoportables prexudiciais para a súa saúde. Ademais apuntan que se producen verteduras constantes á ría.
Dende a asociación de veciños de Chapela piden que se anule a licenza concedida á empresa para a reforma das instalacións. Mentres, dende a fábrica afirman que precisamente o obxectivo desas obras é reducir as emisións.