Veciños de Catoira denuncian unha muller á que acusan de raiarlle os coches durante anos
Así quedou este coche despois de sufrir raiaduras polos catro costados, de adiante a atrás. Pero esta escena non é nova, trátase só do último vehículo con raiaduras intencionadas dunha lista deles, ao longo de varios anos. Os veciños de Catoira xa sospeitaban dunha muller, e incluso puxeron algunha denuncia, pero non saíu adiante por falta de probas.
"Levo aquí 4 meses, un día apareceume unha raiadura, outro día outra, comenteino con amigos e dixéronme que me tocara o "Rasca", que xa o fixera máis veces. E dixen, aquí hai que tomar medidas".
Tomou medidas e conseguiu gravar a suposta autora. Ás cinco e cuarto da tarde, a pleno sol, viu como esta dona dun establecemento próximo aparcaba o seu vehículo, baixaba del e coa axuda das chaves raiaba todo o lateral do coche do afectado. Unha escena que se repetiría máis veces e con distintos vehículos, xusto nese mesmo lugar.
"Quince días antes de fastidiar o meu fastidiou un Audi A3, visto polos meus ollos, e despois vin como lle pegou un puñazo e lle encartou o retrovisor a unha furgoneta, cunha maldade impresionante".
O propietario do vehículo, segundo conta, intentou arranxar o tema cos implicados pacificamente, sen éxito.
"Falei con el e díxenlle, mira Jesús como me puxo o coche a túa muller, eu vou tomar as medidas oportunas. Chorei da rabia. Esperei ao seguinte día e non apareceu, así que denunciei de novo".
Os danos ocasionados neste último caso ascenden a máis de 2.300 euros, e a Garda Civil xa conta co vídeo e mantén aberta unha investigación.