En Baloira, na Estrada, sinalan a perigosidade do treito en que este luns faleceu un mozo
A PO-841, a vía que conecta A Estrada con Pontevea, é unha estrada con moito tráfico e na que circulan numerosos vehículos pesados. Nela rexistráronse varios accidentes, o último, na madrugada deste luns, no que un mozo de 19 anos perdeu a vida. Foi neste cruzamento, que para os veciños da zona é un dos puntos máis perigosos.
A velocidade, o firme esvaradío en días de chuvia ou o perigo que supón cruzar deste lado da estrada atravesando os tres carrís da vía. Estes son algúns dos motivos que, segundo os veciños e usuarios, fan deste tramo da estrada un dos puntos menos seguros.
Explican os veciños que se foron tomando medidas para atallar o problema da seguridade viaria, como é o límite de velocidade a 60 quilómetros por hora ou a prohibición de xirar á esquerda. Para os veciños, que se construíse un paso subterráneo cando se realizaron as obras da estrada nova puido ser unha solución para o cruzamento.
Malia que se conseguiu reducir o número de sinistros coas medidas adoptadas, cren que non fan máis seguro o cruzamento e piden máis controis para evitar os excesos de velocidade.