CRTVG

Buscar

Veciños de 126 concellos portugueses, entre eles Lisboa e Porto, deberán quedar na casa

Publicado o 01/11/2020 18:20

Aínda inmersos nas limitacións impostas para esta fin de semana de Defuntos, Portugal anuncia novas restricións. Dende o vindeiro mércores os veciños de 126 concellos deberán quedar na casa na medida do posible e será obrigatorio teletraballar se poden. 

É certo que o tempo non acompaña, aínda así, esta é unha imaxe inédita. Os camareiros dos restaurantes manteñen a esperanza de servir algunha mesa. Esperanza que xa perderon os comerciantes que decidiron non abrir as súas tendas. Endexamais imaxinaran que, a un de novembro, a fotografía sería a dunha Valença, deserta.

Pero esta resignación e sentido do deber cívico non impide aos veciños portugueses erguerse cada día non só co temor aos contaxios senón tamén coa incógnita de canto tempo poderán manter activos os seus negocios. Unha situación que, no caso dos municipios limítrofes coa nosa comunidade, acrecéntase pola perda da clientela galega.

O mesmo ocorre noutros muncipios lusos próximos a Galicia, onde todos agardan derrubar canto antes vellas fronteiras que volveu levantar o coronavirus.

Noticias web

01/11/2020