CRTVG

Buscar

Acusan o Concello de Ourense de filtrar datos da persoa que denunciou a licenza dun bar

Publicado o 29/09/2021 14:26

A Policía Local precintou este mércores un pub da zona vella de Ourense. É a segunda vez que o precintan, en menos dun mes, por actuar como café bar especial sen ter a licenza pertinente. Pero desta vez a cousa foi máis alá: a persoa que chamou para denunciar os ruídos acusa o Concello de filtrarlle os seus datos persoais á dona do establecemento, algo que ela nega rotundamente.

O primeiro paso xa está en trámite: un requirimento de información á Policía Local. O denunciante pregúntase como a hostaleira denunciada soubo que fora el: "Cando está entrando no portal da súa casa, a hostaleira reclámao por presentarlle unha denuncia. Queremos saber por que ela ten esa información e coñece a identidade do denunciante, cando son datos protexidos".

Ao non ter licenza de café bar especial, o local foi precintado. É a segunda vez que o precintan en menos dun mes, a raíz das denuncias por ruídos, secundadas por máis veciños da zona. A dona do establecemento, que insiste en que levaba 27 anos funcionando sen problemas, nega filtración ningunha de datos persoais: "O meu fillo, que estaba de porteiro no local, viu como entraba a policía no portal de en fronte. Eu pregunteille a el, pero sen intimidación, razoando: fuches ti o que me denunciou? e dixo que si".

Desde a asociación Cimborrio, que ampara o denunciante, din que chegarán ata o final: "Imos presentar a denuncia na Axencia de Protección de Datos para que comproben, como nós pensamos, se houbo unha violación da confidencialidade, obrigatoria para o Concello, a integridade e a protección desa información".

Un xiro máis na relación de conflitividade entre veciños afectados polos ruídos e o vandalismo nocturno na zona vella da cidade e os hostaleiros que reabren tras meses de peche e restricións.

Noticias web

29/09/2021