CRTVG

Buscar

Veciños da Pobra do Brollón denuncian as perdas continuas ocasionadas polo xabarís nos cultivos

Publicado o 07/07/2020 14:27

Coma cada noite, mandas completas de xabarís saen para alimentarse nas leiras de Piño, na Pobra do Brollón. Os veciños desta parroquia denuncian que os ataques destes animais están a ocasionarlles cuantiosas perdas nos seus cultivos, tanto nos de herba como nos de cereal ou de hortalizas.

"O xabaril aquí acaba con todo. Se queres sementar calquera cousa, tes que pechar, e os prados levántaos todos. Isto é un desastre", di José Manuel Morales, un dos afectados.

"Está todo no chan, que non se pode aproveitar. As perdas son cuantiosas. Xa non sabemos facer con esta praga", apunta Luis López, gandeiro.

"Temos un monte cunha chea deles. Aínda que os esperemos, veñen despois de írmonos e deixan todo desfeito. E aínda cerrando, entran igual, así que xa non sabemos que facer", di Raquel González, gandeira.

Ademais de estragaren os cultivos, os xabarís levantan os croios da terra, polo que son frecuentes as avarías na maquinaria. Veciños e gandeiros demandan, por tanto, unha solución urxente para o que consideran unha praga.

"Xa lle reclamamos a Medio Ambiente, pero dixeron que non había cartos. E non podemos facer nada. Non sei se queren que cerremos ou que queren facer. Eu estou aburrido disto", di Luis López.

"Estamos perdidos. Xa non sabemos que facer, porque isto xa non ten xeito. A Xunta non toma cartas no asunto en nada e estamo abandonados", engade José Luís Ferrería, gandeiro.

Antonio Rodríguez, un dos afectados, di que o xabaril ataca os cultivos que se botan para manter o gando, e que non lles dan solución. "Onte aínda chamei a Medio Ambiente para que viñeran ver o trigo. Vir, viñeron, pero dixeron que estaba a cousa moi difícil porque non había cartos", asegura.

Algún veciño mesmo tivo que poñerlle un peche a unha leira enteira, cun custo que resultaría inasumible de se facer o mesmo en todas as terras.

Noticias web

07/07/2020