CRTVG

Buscar

Veciños da Laracha, Ames, Chantada e Ourense, chamados a cribados aleatorios

Publicado o 08/05/2021 15:57

O concello coruñés da Laracha, que subiu ao nivel alto de restricións, organiza este sábado organiza un cribado para detectar asintomáticos e tratar así de atallar o virus.

Neste municipio están convocadas entre hoxe e mañá 4.850 persoas de entre 20 e 59 anos. Outro punto onde se están a desenvolver cribados é no barrio da Ponte, na cidade de Ourense. Neste caso son 2.000 as persoas chamadas a realizar unha PCR. En Chantada chamaron 1.800 persoas.

Delas, 1.400 teñen idades comprendidas entre os 20 e os 70 anos e 400 son traballadores e traballadoras do sector da hostalería e doutros sectores que teñen contacto co público.

Outro dos cribados é o que se está a desenvolver no Milladoiro, no concello de Ames. Faise ante a importante suba de contaxios. Neste caso o cribado afecta a veciñanza de entre 41 e 50 anos.