Veciños da Coruña están preocupados polo aumento da inseguridade na contorna da avenida Alcalde Pérez Ardá
Con gritos e pelexas. Así espertan moitas noites os veciños desta zona da Coruña, dende que varias persoas ocuparon un piso da rúa Montevideo, hai agora máis dun mes. O aumento da inseguridade no contorno da avenida Alcalde Pérez Ardá preocupa aos seus veciños. Amais sospeitan que poidan estar vendendo droga.
"Nótanse certas situacións problemáticas debido sobre todo á venda de drogas e á ocupación. Veño de falar cun veciño que ten ese problema e ten que abandonar a casa", explica un veciño da zona. Outro confirma que se escoitan gritos polas noites.
Os veciños, que moitos prefiren manter o anonimato, explican que senten medo, pero non ameazados, con todo procuran non saír sós, sobre todo de noite. Engaden que os roubos en coches e locais da zona tamén son frecuentes e, malia que a Policía Nacional acode case todos os días advertidos por eles, estes tipo de feitos non cesan.
"Hai preocupación en toda a veciñanza e nótase, e é normal que haxa", comenta un residente, ao que outro engade que "a policía está aquí continuamente. O domingo estiveron aquí catro coches e onte de novo, pero como veñen tantos". Agardan que se solucionen estes problemas e poidan recuperar a tranquilidade das noites sen sobresaltos.