CRTVG

Buscar

Vázquez Taín: "O suicidio de Rosario pode obedecer a que a súa frialdade era unha máscara defensiva"

Publicado o 19/11/2020 10:26

"Pode ser que esa forma fría e distante fose a súa máscara defensiva e agora vemos que este acto demostra que interiorizaba demasiado os seus sentimentos e chegou a esta solución". É a reflexión do xuíz instrutor do caso Asunta, Xosé Antonio Vázquez Taín, sobre o suicidio de Rosario Porto. 

O xuíz explica que  "os aspectos psicolóxicos xa nos dicían que había risco e, despois, baseándose neses informes, ela foi obxecto de especial vixilancia".

Un protocolo que, segundo Vázquez Taín, dentro da prisión "é unha sobrecondena, porque non hai privacidade ningunha, e os propios presos piden que se levante".

Neste caso, o xuíz que instruíu o caso da morte de Asunta Basterra cre que "había certa integración e convivencia" de Rosario Porto na prisión de Brieva, "por iso o normal era levantar a vixilancia".

Logo de sete anos privada de liberdade, a posibilidade de permisos xa era real, pero Vázquez Taín explica que "hai delitos en que ou se ve unha evolución psicolóxica ou os equipos de valoración son remisos a concedelos". E neste caso "a falta de asunción de responsabilidade, a falta de asunción dos feitos, atrasaba as concesións". Ademais, engade, "para pedir un permiso tes que ter alguén que responda de ti fóra, e non sei se ese requisito se cumpría no caso de Rosario". 

Noticias web

19/11/2020