CRTVG

Buscar

Varios gromos familiares disparan a incidencia da covid no barrio ourensán da Ponte

Publicado o 06/05/2021 14:04

Varios gromos familiares, identificados e xa en rastrexo dos contactos, están detrás do incremento da incidencia da covid neste barrio de Ourense no que viven preto de trinta mil persoas, un cuarto da poboación da cidade.

"Temos de todo: hai quen cumpre e quen non cumpre. Se seguimos así, temos para tempo". "Bótannos moitas veces a culpa á xente nova, pero eu son responsable, traballo nun centro de maiores e creo que non é só a xente nova a que fai as cousas mal", comentan dous veciños.

O centro de saúde da Ponte rexistra unha incidencia acumulada de 137 casos por cada cen mil habitantes a 14 días, sesenta puntos máis que a media da cidade e por riba de moitos outros coma O Couto ou a zona centro, con incidencias que apenas superan os 40 casos por cada cen mil habitantes.

"Dun día para outro, cambia. A mala sorte daquel que lle toque, ou que nos toque". "Vacináronnos o outro día, aos maiores, e a ver se vai mellorando", din dous veciños.

O sábado hai cribado aquí, no pavillón deportivo de Oira. Tratan de evitar que se sigan expandindo os casos.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco: "De momento non é un aumento preocupante, pero obriga, por prudencia e de forma preventiva, a facer unha busca activa de casos asintomáticos".

No conxunto da cidade, descenderon en 3 casos nas últimas 24 horas. Hai 96 en total.