CRTVG

Buscar

Dous feridos graves e oito leves ao envorcar un autobús de operarios de PSA en Oia

Publicado o 09/09/2020 08:26

• O vehículo chocou cun cabalo fuxido dunha leira próxima que ocupou a estrada

O autobús da compañía ATSA facía a ruta Vigo A Guarda para levar á casa traballadores de PSA da quenda da tarde. Circulaba pola estrada que vai pola costa cando ás once e media da noite, á altura de Mougás, no concello de Oia, se lle cruzou no camiño un cabalo.

Ao aparatoso sinistro acudiron efectivos de emerxencias; nun primeiro momento tiveron que centrarse en atender feridos e regular o tráfico, que foi desviado. Máis dunha ducia de ambulancias chegaron ao lugar.

Na mesma estrada os sanitarios atenderon aos feridos e clasificáronos segundo a importancia das lesións. A Garda Civil informou de que dous pasaxeiros quedaron graves e oito leves.

A esta hora a estrada segue cortada. Habilitouse unha pista local paralela á PO-552 para desviar a circulación.