CRTVG

Buscar

Varios actos vandálicos obrigan a pechar as piscinas municipais de Chantada

Publicado o 31/08/2021 22:07

As piscinas municipais de Chantada están pechadas indefinidamente por varios actos vandálicos. Estragaron os valados, romperon mesas e ademais contaminaron a auga da piscina.

Os vándalos guindaron as mesas do paseo fluvial contra o peche das piscinas municipais, onde botaron produtos que aínda non foron identificados. Como consecuencia, contaminaron uns 400.000 litros de auga, que agora non é apta para o baño. 

José Luis Conde, técnico deportivo do Concello de Chantada: "Pola mañá, un compañeiro de mantemento topouse coas mesas encima do peche. E o máis preocupante é a auga da piscina, porque a depuradora non dá limpado. Algo tiveron que botar, algún líquido ou algunha cousa, que non deixa que a auga se depure, e iso é o que nos impide abrir as piscinas. Levamos dous días cerrados, e ata que isto se poña ben non se poderá abrir". 

Dende o Concello de Chantada denuncian que este tipo de actos vandálicos veñen producíndose de forma reiterada. Este mesmo verán xa lanzaran papeleiras contra as piscinas, ao tempo que se rexistraron diversos danos no mobiliario urbano da área recreativa.

"Este tema vénse repetindo. Xa en todo o verán houbo actos vandálicos. Sempre tiraban algunha cousa para dentro, recollíase e podiamos abrir. O problema máis grande é que isto lle afectou á auga do vaso. Foi o acto vandálico que máis nos molestou porque nos impide abrir as piscinas", afirma José Luis Conde.

Como consecuencia destes feitos, as piscinas municipais exteriores de Chantada permanecerán pechadas de forma indefinida. 

Noticias web

31/08/2021