CRTVG

Buscar

Varias vítimas nun tiroteo nun instituto de Tennessee, nos Estados Unidos

Publicado o 12/04/2021 23:19
Varias vítimas nun tiroteo nun instituto de Tennessee, nos Estados Unidos

Varias vítimas rexistráronse este luns nun tiroteo nun instituto de educación secundaria da cidade de Knoxville, no estado de Tennessee, informou nas redes sociais a policía local. As forzas de seguridade están no lugar do suceso, a escola Austin-East Magnet, e a investigación segue aberta.

A policía de Knoxville, que non aclarou aínda se as vítimas son feridos ou se hai algún falecido, pide nas súas mensaxes en redes que se evite a zona dos disparos. E explica que se estableceu un punto "de reunión" no campo de béisbol situado detrás do instituto. 

Medios locais, como Knox. news, dan por concluído o suceso e apuntan a un detido. Explican ademais que hai un axente de policía entre as vítimas do tiroteo, o encargado da seguridade deste centro escolar.

Bob Thomas, superintendente dos centros educativos do condado de Knox, aclarou na súa conta de Twitter que o edificio que alberga o instituto xa foi asegurado e que os estudantes que non se viron envoltos no incidente foron enviados á casa coas súas familias.