CRTVG

Buscar

Varias oficinas de Abanca no rural dan o seu derradeiro día de servizo

Publicado o 08/09/2021 14:15

Hoxe pecharon definitivamente as sucursais da Baña, Zas e Baíñas, no concello de Vimianzo. De feito, os alcaldes destes tres municipios uníronse para facer accións conxuntas contra o peche das sucursais. Pero de nada serviron nin as protestas nin as 5.500 sinaturas que os tres rexedores entregaron na sede de Abanca.

Hoxe tamén deixou de prestar servizo a do concello ourensán de San Xoán de Río.  A de Ourense é a provincia máis prexudicada polos peches de oficinas. No conxunto de Galicia, un de cada dez concellos non conta xa con ningunha sucursal bancaria.

Ante esta situación, a Xunta de Galicia pídelle ao Goberno un plan global estatal que garanta que toda a poboación teña acceso aos servizos financeiros con independencia do seu lugar de residencia.

Os veciños da Baña apuraron para facer as últimas xestións antes do peche. Agora só lles quedará un caixeiro automático. Os máis prexudicados, a xente maior ou pouco afeita ás tecnoloxías. O comercio tamén sae prexudicado.

Tamén foi o derradeiro día de funcionamento para dúas sucursais máis da provincia da Coruña. A de Zas e mais a de Baíñas, no concello de Vimianzo. No municipio ourensán de San Xoán de Río tamén foi día de peche. A provincia de Ourense é a máis afectada, con 30 concellos sen ningunha oficina.

Portas, na provincia de Pontevedra, é outro dos concellos prexudicados. Aínda lles quedan 15 días para o peche. É o que trata de evitar o exalcalde Roberto Vázquez encadeándose diante da sucursal.

Para evitar que o rural quede sen oficinas bancarias, a Xunta insta o Goberno a que actúe. Nunha carta, o conselleiro de Facenda reclámalle á vicepresidenta Nadia Calviño un plan global estatal que recolla cambios normativos que garantan que ningún núcleo pequeno quede sen ningunha sucursal.

Noticias web

08/09/2021