CRTVG

Buscar

Marcha atrás na desescalada: toque de queda en Valencia e restricións na hostalería catalá

Publicado o 13/07/2021 09:10

A vacinación marca o ritmo da pandemia, os menores de trinta anos centran a explosión de contaxios e as subas desmedidas dunha incidencia que se sitúa xa de media en 368 casos e que aínda subirá máis.

Primeira noite de toque de recollida na cidade de Valencia outra vez. Unha trintena de municipios, entre eles concellos como Gandía e Benicàssim, volven estar baixo a restrición de mobilidade nocturna un mes e cinco días despois de quitala. Entrou en vigor á unha da madrugada.

Valencia é a primeira comunidade autónoma que volve ao toque de recollida. O Tribunal Superior de Xustiza da comunidade avalou a petición do Goberno autonómico para recuperar esta medida, ademais de limitar as reunións a dez persoas.

Dende esta madrugada en toda a comunidade valenciana non se poderán xuntar máis de dez persoas en reunións sociais e familiares. Estas medidas tómaas o goberno autonómico ante a repunta de contaxios, que se triplicaron en dúas semanas. No grupo entre 12 e 19 anos, teñen unha incidencia de 1.200 casos. Os hospitais empezan a atomar medidas, suspendedo operacións e reservando salas. Aínda así, esta comunidade ten unha incidencia media por debaixo da española.

Mentres, en Aragón, os tribunais anulan as restricións á hostalería e ao ocio nocturno porque argumentan que non consta unha relación directa entre o sector e os novos gromos rexistrados. Cataluña anuncia a obrigatoriedade de finalizar calquera actividade ás doce e medida da madrugada, incluida a hostalería, e ademais limita as reunións a dez persoas.

A incidencia segue subindo e chega aos 368 casos

A incidencia segue subindo e chega nestes momentos aos 368 casos por cada cen mil habitantes. Segundo Sanidade, a previsión para os vindeiros días é que siga aumentando e supere a barreira dos 400 casos. No grupo de idade entre 20 e 29 anos segue rozando os 800 casos; pola contra, nos maiores de 50 anos continúa arredor de 100 casos. O Ministerio de Sanidade notificou 32 falecidos na última semana.

A evolución da pandemia en España márcaa o ritmo da vacinación: é un dos paìses da Unión Europea que ten máis porcentaxe de poboación inmunizada, só por detrás de Malta e Hungría, e iso reflíctese na incidencia por idades.

Fernando Simón recoñece que as grandes concentracións de persoas, durante semanas, levaron aos malos datos que ten Cataluña. Alí duplican a media nacional de contaxios.

Así, Cataluña pecha todas as actividades a partir das doce e media da noite e limita as reunións a dez persoas. A evolución da pandemia nos vindeiros dáis, di Simón, dependerá de como se apliquen as novas medidas de control da transmisión.

 

Noticias web

13/07/2021