Valencia e Castela e León xa solicitaron restricións de mobilidade nocturna
Aprazado o toque de queda, as comunidades estudan que formulas aplicar para atallar os contaxios, que continúan crecendo por toda a xeografía española. Valencia e Castela e León xa solicitaron formalmente restricións de mobilidade nocturna.
Sen unanimidade entre as comunidades respecto ao toque de queda, cada unha estuda aplicar pola súa conta as súas propias fórmulas fronte ao avance imparable dos contaxios. Unha das primeiras en manifestarse foi a Comunidade Valenciana, onde nas últimas dúas semanas aumentou un 45% a incidencia da covid. O presidente Ximo Puig encargoulles aos servizos xurídicos da Generalitat a elaboración dunha resolución que restrinxa a mobilidade nocturna entre as doce da noite e as seis da mañá.
A valenciana non é a única comunidade a favor de implementar unha restrición á mobilidade nocturna. Castela e León anunciou que estudan decretar o toque de queda este venres.
En Andalucía, a Junta tamén lle solicitou ao Tribunal Superior de Xustiza a ratificación da restrición de mobilidade nocturna entre as once da noite e as seis da mañá en Granada, onde os contaxios están disparados, e 30 municipios da súa área metropolitana.
Pola súa parte, o Goberno de Euskadi recomendou limitar a partir de hoxe a mobilidade en 25 municipios vascos, 20 en Guipúscoa e 5 en Biscaia, e porá en marcha outras medidas en toda a comunidade que reducen ao 50% a ocupación dos locais. Tamén en Madrid, a Consellería de Sanidade vai presentar nas próximas horas un paquete de medidas orientadas á diminución de capacidades e restricións da actividade económica.