CRTVG

Buscar

Valencia e Andalucía achegan a vacina aos estadios e aos campos de fútbol

Publicado o 19/09/2021 14:26

Unha das preocupacións dos responsables sanitarios autonómicos é a xente que, por unha ou outra causa, non acode aos escenarios habituais de vacinación, teñan ou non teñan cita previa. Por iso, algunhas comunidades ensaian outras fórmulas, como pode ser levar as vacinas aos partidos de futbol ou achegalas aos centros comerciais.

Almudena é unha das persoas que este sábado foi ver o partido entre o Elxe e o Levante, e que aproveitou a nova estratexia valenciana de achegamento dos equipos de vacinación a lugares inusuais como os estadios de fútbol.

"Por temas laborais, cando me citaron non podía e entón foi o primeiro momento nun punto de vacinación sen cita previa no que podía achegarme", asegura.

A Comunidade Valenciana trata deste xeito de chegar á xente sen vacinar contra o covid, ou que non rematou o proceso. Este domingo, os equipos sanitarios acudirán ao partido entre o Valencia e o Real Madrid.

"Evidentemente, se eliximos un partido de fútbol, o que buscamos son esas persoas que foron un pouco máis remisas, entre os vinte e os corenta anos, aínda que tamén están vindo maiores de doce", sinala o director de atención primaria do hospital de Elxe, Carlos de Gregorio Bernardo.

A resposta desta vacinación sen cita está sendo irregular, e moitos dos que se vacinan fano pouco convencidos.

Outras comunidades, como a andaluza, ensaian outros métodos para vacinar os mais escépticos, instalando centros móbiles en lugares turísticos ou praias, e mesmo en centros comerciais de Granada, onde a resposta foi escasa.

Noticias web

19/09/2021