Vai roubar e acaba sen botín e deixando a ferramenta que levaba
Quería roubar unha parte de especial valor do motor dunha embarcación, pero non era un ladrón especialmente hábil. Sucedeu no Grove, onde un veciño, o que ía ser a vítima do suceso, se atopou cunha escena pouco habitual.
"Intentaron forzar a panca para soltalo. Este parafuso de enriba fáltalle. Foi unha sorte", cóntanos Marcelo ante o motor súa embarcación para celebrar a falta de pericia de quen tentou roubar o extremo inferior do motor de popa da súa lancha, cando a tiña no peirao do Grove a semana pasada.
O ladrón retirara seis parafusos e cando só lle quedaban tres para facerse coa peza tivo que desistir e, mesmo, deixar a ferramenta.
Marcelo Ochoa, o dono do barco, di que foi un intento de roubo da cola "ante as evidencias da chave, que lle quedou bloqueada e non foron capaces de quitar a cola".
E el tan contento, aínda que terá que gastar en retirar a chave e restaurala. Nada que ver co que custa a peza ansiada polo inhábil ladrón.
"Eu penso que [sairá] nuns 7.000 euros. A verdade é que lles sairía unha noite bastante rendible. E nada, que lle sigan pasando esas cousas. Mentres para min quede nun susto, mal por eles e ben por min. A verdade é que deberían facer algún curso ou algo de estudo profesional, porque si son bastante afeccionados".
Como medida preventiva decidiu levar a embarcación para a casa.
Conta Marcelo que no porto do Grove houbo varios roubos de elementos dos barcos. Alí, di, hai cámaras de videovixilancia instaladas, pero sen dispositivo de gravación.