CRTVG

Buscar

Vacinación, variantes e vixilancia de gromos para a recta final da pandemia

Publicado o 12/10/2021 14:25

O incremento de hoxe, de 502 a 508 casos activos de covid−19 en Galicia, é moi lixeiro e segue confirmando a tendencia xeral de retroceso. Pero a apertura das restricións vaise combinar cunha vixilancia moi exhaustiva dos casos novos e coa culminación da campaña de vacinación, en que cobra especial importancia o seguimento que se fai desde os centros de saúde. Estes están xa no proceso de recuperar a atención presencial, con dificultades e escaseza, sobre todo, de facultativos. O problema é común tamén a outras comunidades e tenta resolverse agora desde a Interterritorial de Sanidade.

O persoal de enfermería de atención primaria que durante os últimos meses estivo centrado na vacinación é o que dispón da listaxe dos non vacinados. Son poucos os que figuran, pero chegan a un 20 % no grupo de 30 a 39 anos. O Sergas está comprobado que moitos deles están vacinados noutras comunidades e países, e agora hai que integrar os datos.

Desde os centros de saúde faise tamén o seguimentos dos casos de covid−19 máis leves, que non precisan hospitalización. En definitiva, que a actividade tamén incesante nesta recta final é imprescindible para manter o temón e detectar e atallar os gromos en canto se produzan.

"Seguimos monitorizando todos os días a situación. Como dicía, non hai grandes novidades, máis ben ao contrario; as novidades son que seguimos confirmando os bos datos", explica o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Os novos casos de covid−19 detectados nas últimas horas en Galicia con case unha pinga se os comparamos con aquelas xornadas de xullo en que medraban a razón de 1.000 por día. Todas as áreas sumaron nas últimas horas menos de dez casos novos, agás a de Santiago, onde se produciron once contaxios. Os casos activos totais pasan pouco de medio milleiro e, agás 45 que están no hospital, o resto teñen síntomas leves que vixían desde os centros de saúde.

A Atención Primaria está centrada tamén en convencer o 7 % da poboación diana para que se vacine. "Polo risco individual, pero tamén por unha cuestión de solidariedade co resto da comunidade galega", advirte Pilar Farjas, membro do comité clínico.

A vixilancia, detectar calquera nova variante, é outra das frontes desta etapa. Comopleméntase con mecanismos para detectar fontes de contaxios non localizadas. Segundo Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública"Tamén pode haber fontes de infección que descoñezamos e por iso é moi importante, sobre todo nas cidades grandes, o estudo de augas residuais".

Vixilancia tamén haberá na rúa, para que se cumpran os protocolos de hixiene e distanciamento. "A verdade é que os partes que temos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado con moi positivos. E en xeral un excelente cumprimento das normas como vén facendo case sempre a poboación galega dende que empezou esta pandemia", celebra o conselleiro.

Noticias web

12/10/2021