A vacinación sen cita desborda as previsións do Sergas cunha afluencia masiva
A mesma imaxe en todos os puntos de vacinación das sete áreas sanitarias galegas. Esta foi a primeira xornada de vacinación sen cita previa e os sanitarios de cada operativo compartían a mesma impresión. Había máis xente da que agardaban.
"Si que vimos que dende a primeira hora, a ringleira é fluída e si está vindo xente algo máis da que agardabamos. Iso é positivo, claro", asegura María Xosé Parrado, coordinadora de vacinación en Santiago:
A xornada deste sábado pode considerarse como unha repesca para aqueles que por motivos persoais ou mesmo profesionais non puideron acudir á cita da segunda dose de Pfizer. Hoxe, algúns solicitaron unha cita, a xa coñecida como autocita, pero a maioría achegáronse sen ela aos centros de vacinación.
A maioría das que se administraron eran a primeira dose sen cita previa. E os motivos para estar a estas alturas da pandemia sen ningunha posta son moi variados
En total nos centros galegos de vacinación houbo hoxe 26.430 unidades de Pfizer repartidas entre a segunda dose a persoas de entre 27 e 28 anos, a segunda dose aos que fallaron á cita tempo atrás e a primeira dose de moitos que aínda non recibiran ningunha no último ano.